11/03/11

Un cargador para todos



Cada vez que cambiamos de teléfono móbil tamén adoitamos cambiar de cargador, o que dá lugar a unha cantidade enorme de cargadores desbotados que xa non se utilizan. Isto afecta tanto aos consumidores como ao medio ambiente. Non obstante, grazas á Comisión Europea, os principais fabricantes de teléfonos móbiles de Europa chegaron a un acordo para adoptar un cargador universal para móbiles.

En xuño de 2009, os principais fabricantes de teléfonos móbiles de Europa acordaron adoptar un cargador universal para teléfonos móbiles con servizos de datos vendidos na Unión Europea. Un Memorando de Entendemento (MdE), asinado ata a data por 14 fabricantes, compromete a industria a proporcionar cargadores compatibles sobre a base do conector micro USB.

A partir de 2011 só se necesita un cargador para todos estes teléfonos e os consumidores europeos podemos comprar un cargador para teléfono móbil estándar para todos os teléfonos de servizo de datos vendidos nos 27 Estados membros da Unión Europea.

Así pois, cando esquezamos nosos cargadores, poderemos cargar nosos móbiles usando o novo cargador común. Ademais, como os cargadores se venderán por separado, non teremos que comprar un novo cargador cada novo teléfono móbil. Así mesmo, dado que o número de cargadores se verá reducido, o impacto ambiental será positivo. A redución do número de cargadores vendidos innecesariamente reducirá considerablemente os residuos electrónicos nos próximos anos.

Con esta interesante iniciativa da Comisión Europea espérase que os beneficios ambientais da harmonización dos cargadores sexan considerables. O número de cargadores vendidos innecesariamente reducirá os residuos electrónicos xerados por este motivo. Tamén se espera que o cargador común mellore a eficiencia enerxética, ao cumprir as novas normas europeas harmonizadas e ao reducir, deste modo, o consumo de enerxía.


P.D.: Quero mostrarlle toda a miña solidariedade e todo o meu apoio aos damnificados e ao pobo de Xapón, que está pasando por uns momentos terribles a causa do forte tremor de terra que ocorreu hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.