19/01/10

O PP non pescou nada

O PP está intentando pescar un peixe pola zona rural do concello de Lugo, pero moi mal o deben estar facendo, porque o peixe non lles morde o anzol. E á parroquia de Tirimol, onde eu vivo, xa viñeron dúas veces a pescar, unha vez o ano pasado e outra vez este ano. Como se pode ver nesta foto que vos poño e que saíu publicada nos medios de comunicación fai un ano. Na foto pódese ver ao concelleiro do PP de Lugo, Manuel López, intentando pescar coa axuda doutro home. Pero parece que este pescador non ten sorte, porque non dá collido o peixe. A razón de que o PP non consiga pescar debe estar en que intentan pescar o peixe coa demagoxia e coa mentira, vindo unha vez ao ano a pescar e que coincida no inverno e nunha época na que chova moito.

No mes de febreiro do ano pasado viñeron pescar a Tirimol. E intentaron convencer ao peixe dicíndolle que o goberno municipal socialista non quería arranxar as fochancas das pistas, cando estabamos no inverno e nunha época na que chovera moito. Din que coñecen o rural, pero parece que aínda non saben que no inverno cando chove non se poden arranxar as fochancas no rural, porque coa auga que hai nas fochancas non quedarían ben tapadas e o que se lle botara non duraría nin unha semana.

O goberno socialista do Concello de Lugo a través dos fondos do Plan E, mellorou no verán a capa de rodaxe deste camiño con aglomerado en quente. Deste xeito, por primeira vez o Concello emprega o aglomerado en quente para mellorar o firme de pistas principais, ou failles bases para suxeitar os contedores nas parroquias rurais. O que é resultado do compromiso do goberno local de mellorar o rural.

Pero este ano o pescador volveu a Tirimol outra vez a intentar coller o peixe no mesmo lugar que viñeran o ano pasado. Desta vez o pescador intenta botarlle a culpa ao goberno local socialista de que saía para o camiño moita auga dun sumidoiro. Pero o que non di é que ese sumidoiro é da canalización subterránea da liña eléctrica e que, polo tanto, é responsabilidade da empresa eléctrica que o fixo. Tamén esquece este pescador, ao pedir que se fagan cunetas para canalizar a auga, que está nun dos lugares da parroquia máis estreito, porque hai muros de pedra e polo tanto non hai terreo para poder facer unhas cunetas.

E agora este pescador “confunde” os días da semana e di nun xornal que ven a pescar o domingo a Tirimol, cando veu o venres. E faino para alardear de que é moi "bo" pescador, pero como di o refrán: dime de que presumes e direiche de que careces. Deste xeito o PP non pescou nada e parece que o peixe que queren coller non lles quere morder o anzol que lle poñen.

1 comentario:

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.