25/01/10

Lugo solidario con Haití

Onte tivo lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo a Gala de Maxia Solidaria "Maxia por un soño". Un evento benéfico a favor de Haití, que foi posible grazas á colaboración da Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, de Abracadabra Produccións, da Cadena Ser, do Centro Comercial As Termas, de El Progreso, de Descubrelugo.com e de IMC Imprenta Dixital.

A Gala foi presentada por Jose Antonio Díaz (presidente do Colectivo Máxico Waldemar) e contou coas actuacións dos seguintes magos: Mago Rafa (Lugo), Manuel Lamas (Lugo), Mago Teto (Viana do Bolo), Dani García (Neda), Martin Andersen (Arxentina), Román García (A Coruña) e dos Malabaristas Pablo Trasno e Fredi Circanelo de Lusco e Fusco (Santiago de Compostela).

Todo o diñeiro recadado neste evento está destinado aos damnificados de Haití a través de Cruz Roja e de Médicos Sin Fronteras. A recadación fíxose coa venda das entradas a 5 euros e coas doazóns realizadas. E a min encantoume poder asistir como público e ver a resposta que tivemos os lucenses con esta Gala. No Auditorio había moitos nenos e tamén moitos maiores e ata houbo lucenses que non puideron entrar, porque o aforo do mesmo completouse moi pronto.

Foi unha boa mostra da solidariedade da cidadanía lucense co pobo de Haití, que está pasando por uns momentos terribles a causa do forte tremor de terra que o día 12 de xaneiro fixo cambalear a vida tódolos haitianos. Así que quero felicitar a todas as persoas e entidades que fixeron posible este evento e agradecerlles o seu gran traballo a favor desta causa. E por suposto felicito a tódolos lucenses que asistiron e que quixeron colaborar, tanto os que puidemos entrar, como os que non puideron entrar.

Eventos como este son unha boa mostra da predisposición que temos a colaborar nestes duros momentos e de mostrarlles a nosa solidariedade aos que peor o están pasando. Porque sucesos como a de Haití débennos facer reflexionar que os problemas que temos non teñen tanta importancia, en comparación co desastre que están a sufrir moitas persoas alí. Polo que nestes momentos a nosa colaboración con estas persoas é moi necesaria, para axudarlles a saír adiante desta terrible situación.

1 comentario:

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.