08/04/08

Eleccións na Universidade de Santiago

A Universidade de Santiago de Compostela ven de convocar o pasado 28 de febreiro as eleccións para a renovación dos representantes no Claustro Universitario e dos representantes nos consellos de departamentos que se celebrarán o 24 de abril. E hoxe publicouse na web da USC a Relación provisional de candidaturas ás eleccións parciais ao Claustro Universitario, ás cales me presento como candidato polo sector de estudantes de 1º e 2º ciclo na circunscrición da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais pola agrupación electoral de IESGA (Iniciativa Estudantil Galega).

Eu entendo que a participación do alumnado na vida orgánica das universidades é un factor moi importante que axuda ao correcto funcionamento das mesmas. A representatividade dos estudantes nos órganos de goberno das universidades é un elemento democrático, que contribúe a achegar a nosa voz como estudantes a estes órganos, nos que se toman decisións importantes para toda a comunidade universitaria.

E dende esta responsabilidade e seguindo os meus principios e ideais preséntome como candidato na miña facultade por IESGA, que é a asociación de estudantes coa que estou colaborando. IESGA é un colectivo estudantil plural de orientación progresista interesado nas políticas educativas, na acción cultural innovadora e no desenvolvemento sustentable. E en cada centro goza de autonomía para desenvolver actividades, deste xeito estamos máis preto das necesidades reais dos e das estudantes.

Durante os próximos días seguireivos informando destas eleccións e quedo á vosa disposición para as consultas ou opinións que queirades realizarme.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.