23/09/08

O estado do concello de Lugo

Onte celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Lugo o primeiro debate sobre o estado do concello. Na súa intervención o Alcalde destacou que "Lugo atópase nun momento espléndido de transformación e de modernización e vive un momento de cambio evidente, froito do traballo de moitos ao que non é alleo o Concello mediante as xestións e accións do Goberno Municipal que presido". E isto é algo evidente, aínda que por moito que o intente a oposición, a realidade de Lugo non se pode negar, porque a vemos tódolos días os cidadáns e ben sabemos que as verbas do Alcalde de Lugo son certas.

Porque hai moitos proxectos que xa están realizados, como a nova estación de mercadorías no Ceao, o desdobramento da Campiña, os accesos do Ceao, o novo acceso ao barrio da Piringalla por Mar Cantábrico coa nova pasarela sobre a N-VI, iluminación da N-VI, Ceao-Tolda e o acceso a Garabolos, todas as travesías dos Convenios asinados con Fomento, os convenios co Ministerio de Defensa e coa Consellería de Vivenda e Solo, que posibilitaron que se estea a facer o Parque empresarial de As Gándaras...

E hai moitos máis proxectos que están en marcha e se están a realizar como a nova potabilizadora e a nova depuradora cos estanques de tormentas e saneamento integral das dúas marxes do río Miño, a I fase do Plan Paradai e a II que a está a levar a cabo a Deputación Provincial, a Ronda Leste, acceso ao novo Hospital e os viais perimetrais do mesmo que financia o Concello, o Auditorio, a nova Ponte, o Cetal, o Centro Asociado da UNED, os tramos das autovías Lugo-Santiago, Lugo-Ourense ao seu paso polo Concello...

Tamén seguro que quedan moitas cousas por facer, como recoñeceu o Alcalde, e de que podemos e debemos seguir nesta dirección que nos fai avanzar cara diante. Pero a tarefa de construción dun concello moderno, exemplar e modelo para outros concellos, debemos facela entre todos e todas. Tanto a cidadanía, como o goberno e por suposto a oposición. Porque sen lugar a dúbidas, Lugo facémolo entre todos e todas e debemos de estar todos á altura das circunstancias polo ben de Lugo.

Hoxe tamén quero condenar rotundamente os atentados cometidos esta fin de semana pola banda terrorista ETA. Ademais quero mostrarlle a miña solidariedade a tódolos afectados polos tres actos terroristas destes dous últimos días no País Vasco e en Cantabria e especialmente coa familia do brigada Luis Conde, ao que lle quitaron a súa vida nun acto que non ten ningunha xustificación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.