07/11/08

Teremos novo regulamento?

Na última reunión da Comisión encargada da elaboración do novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Lugo chegamos a importantes acordos entre as distintas partes. Deste xeito o texto do novo proxecto de Regulamento xa está listo para aprobar, aínda que non se logrou chegar a acordar un aspecto que tanto PP como BNG tachan de imprescindible para poder aprobalo en pleno, como é a elección democrática dos pedáneos.

Neste sentido a Lei 5/1997, do 22 de xuño, de Administración Local de Galicia (BOE núm. 237, do 3 de outubro de 1997) recolle no seu Artigo 158 o seguinte: “As entidades locais menores contarán cun alcalde pedáneo [...]. O alcalde pedáneo será elixido directamente polos veciños da correspondente entidade local menor, por sistema maioritario, mediante a presentación de candidatos polos distintos partidos, federacións, coalicións ou agrupacións de electores, coincidindo coas eleccións locais".

Tendo en conta que as 54 parroquias da zona rural do concello de Lugo non teñen a consideración de entidades locais menores, non existe a figura xurídica de alcalde pedáneo. E o que realmente existe nas parroquias rurais do concello de Lugo son representantes do alcalde en cada parroquia. E polo tanto correspóndelle ao alcalde de Lugo o seu nomeamento.

Polo tanto non ten ningún sentido que os dous partidos políticos da oposición, tanto o PP como o BNG, pidan a elección democrática dos pedáneos. E como veciño da zona rural cuestiónome por qué o PP, o BNG e a Federación de Asociacións de Veciños piden eleccións democráticas de pedáneos e cando gobernou o PP non facían o mesmo, xa que o PP non convocou eleccións de pedáneos e o BNG e a Federación non o demandaron daquela.

Pero especialmente despois de todo o traballo que levamos feito as distintas partes nesta Comisión, para poder ter un novo regulamento, eu poño en cuestión se todos estamos dispostos a chegar a un consenso polo ben de Lugo, ou se como se está vendo, hai quen non quere ceder e non quere que teñamos un novo regulamento e pon como escusa que os pedáneos sexan elixidos democraticamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.