06/04/09

30 anos de democracia municipal

- O caciquismo nácelle aos pobos como che nace a ti a barba. Aféitate, home, aféitate! (Viñeta de Castelao recollida en "Cousas da Vida")

Os concellos están estes días de celebración, cando se cumpren 30 anos dende as primeiras eleccións municipais democráticas. E esta é unha boa ocasión para tratar un mal da política, como é o caciquismo. Especialmente tendo en conta que os concellos son a administración que está máis próxima á cidadanía e aos seus problemas. E cando hai un contacto político tan directo cos veciños, o problema do caciquismo é maior.

Durante estes anos desgraciadamente estivo moi presente o caciquismo. O que foi un ataque directo á democracia municipal e ao proceso ilusionante de construción das nosas cidades e concellos. Aínda que é certo que cada vez, a medida que avanzamos no tempo e se consolida máis a democracia municipal, o caciquismo vai en descenso grazas ao traballo de moitas persoas que cremos na democracia municipal.

Non debemos esquecer nunca que a Política é e debe ser un servizo público, tal e como a entendemos moitos cidadáns. Os servizos públicos son un dereito que temos os cidadáns e nunca deben repartirse por "amiguismo" ou converterse nunha débeda de favores. E isto é algo que debemos ter ben claro tamén cando falamos da Política municipal.

Canta razón tiña Castelao nesta viñeta de "Cousas da vida", cando nos dicía isto do caciquismo. O que temos que facer é seguir traballando para eliminar este mal, criticando e evitando os comportamentos caciquís na Política, especialmente na municipal. Así que "afeitemos" o caciquismo e sigamos traballando con ilusión e con ganas polos nosos concellos e en beneficio de toda a cidadanía.

Dende aquí mándolle as miñas felicitacións aos concellos e a todas as persoas que fixeron e facemos posible a democracia municipal!

1 comentario:

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.