21/07/09

Vergoñentas declaracións do PP

Despois do acontecido na XL Asemblea do Consello da Xuventude de Galicia (CXG) celebrada o pasado 28 de marzo e ante as vergoñentas declaracións do PP contra o acto de responsabilidade demostrado por Azucena Rodríguez e o resto da Comisión Permanente ao presentar a súa dimisión ao fronte do CXG, dende IESGA queremos responder a isto cun comunicado, que poño a continuación:

IESGA denuncia as vergoñentas declaracións do PP contra o acto de responsabilidade demostrado por Azucena Rodríguez e o resto da Comisión Permanente ó presentar a súa demisión ó fronte do CXG

O pasado venres Azucena Rodríguez Amoroso, coordinadora de Universidades de IESGA, presentou a súa dimisión como presidenta electa do Consello da Xuventude de Galicia nun acto de responsabilidade co organismo representativo da mocidade asociada galega.

A Coruña, 21/07/2009. A asociación estudantil IESGA respostou esta tarde a través dun comunicado de prensa ó PP ó fío da demisión de Azucena Rodríguez Amoroso como presidenta electa do CXG.

A asociación estudantil quixo deixar claro en primeiro lugar que “ ostentar a presidencia do Consello da Xuventude de Galicia non é un fin nin para IESGA nin para Azucena Rodríguez, a quen eleximos en representación da nosa organización como candidata á Presidencia do CXG, senón un medio para mudar todo aquelo que a experiencia nos di que pode ser mellorado, para traballar pola mocidade e para representar o mellor posible os intereses das entidades que forman parte do Consello.” Engadiron ademáis que “o feito de que Azucena Rodríguez sexa a irmá da anterior presidenta non lle confire máis dereitos que ninguén, pero tampouco llos limita, e a súa lexitimidade non pode ser obxecto da menor dúbida cando é a nosa organización quen a elixe e a propón pola súa experiencia, traxectoria e traballo no eido do asociacionismo xuvenil, fácilmente comprobable”. E, en todo caso, “non ten nin máis nin menos dereitos que hai dous anos, cando foi elixida Secretaria Xeral do CXG e votada polos membros de Novas Xeracións”.

Dende a asociación estudantil reforzaron a idea de que “a dimisión está motivada nun acto de absoluta responsabilidade co organismo ante a grave situación na que se atopa o mesmo. O non nomeamento da Presidenta por parte da Consellería de Presidencia, incumprindo así a lei 2/1987 do Consello da Xuventude de Galicia aprobada no Parlamento, así como as diferentes manifestacións que nos últimos meses se teñen feito por parte do Partido Popular o único que demostran é o seu pouco respeto polo Consello da Xuventude de Galicia, e un intento de uso do mesmo cun fin político e partidista”

Así mesmo, IESGA quixo saír ó paso das declaracións feitas polo PP sobre a suposta manipulación de Lage Tuñas á hora da decisión da dimisión. “Por unha banda estase acusando de monicreque á nosa organización e ó resto de organizacións que participaron na asamblea, así como a todos os membros da Comisión Permanente electa que tamén teñen dimitido.” “Por outro lado tamén se acusa a Lage Tuñas de manipular esta decisión, o que é total e absolutamente falso. “ “Ademáis de falso a realidade é que a maioría dos membros de IESGA non teñen relación algunha con Jose Manuel Lage, polo que baixo ningún concepto se terían deixado influír nin por él nin por ninguén”. Ademáis, abondaron, “Igualmente se ten acusado a Lage Tuñas de agresión física na pasada asamblea, unha cuestión totalmente falsa e insidiosa e que de ser certa tería que estar denunciada nos tribunais, pero só está cacarexada nos medios de comunicación porque carece de razón e probas. “

IESGA quixo tamén condear e denunciar “a pouca vergoña que manifesta quen comparece ante os medios con titulares máis propios dunha portada do “que me dices” que de manifestacións serias sobre o único organismo autónomo de representación da mocidade asociada galega”. “As telenovelas de clans e patriarcas son máis típicos da televisión que do Consello da Xuventude de Galicia, ainda que sorprende que NNGG faga este tipo de manifestacións xusto o día en que se descubren varios escándalos de suposta prevaricación no seu partido”

Finalmente, dende IESGA salientaron o feito de que os mesmos que denuncian supostos incumprimentos da Lei do CXG defende e jáctanse dunha investigación aberta pola Dirección Xeral de Xuventude cando este órgano, tal e como se desprende da lei 2/1987 do CXG non ten ningunha competencia recoñecida neste sentido, sendo polo tanto a propia investigación unha inxerencia como nunca se ten visto no único organismo autónomo de representación da mocidade, unha inxerencia paternalista que sí incumpre a lei do CXG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.