28/07/09

Os 100 días de Feijóo

Os cen días de goberno de Feijóo resúmense en paralizacións, incumprimentos e recortes de dereitos fundamentais. Porque o Goberno de Feijóo dedícase a paralizar todo o que fixo o anterior Executivo en lugar de gobernar e xestionar. Deste xeito o característico destes cen días foi a paralización das grandes infraestruturas e da contratación de obra pública, o incumprimento de promesas electorais e o recorte dos investimentos e dereitos dirixidos ao benestar da sociedade galega.

O Goberno de Feijóo tamén estancou a Lei da Dependencia debido á falla de interlocución cos concellos e á paralización das infraestruturas sociais e conxelou o Plan Galego de Acuicultura, ademais de desmantelar o dispositivo contra os lumes, derogar a Lei de Pesca e suprimir a base de salvamento marítimo prevista para a Costa da Morte.

A isto hai que engadir o recorte de dereitos adquiridos pola cidadanía, como a eliminación da gratuidade dos libros de texto, o desmantelamento dos Plans de Cooperación cos concellos, a eliminación de prazas docentes en primaria e a redución do 30% dos docentes das escolas oficiais de idiomas, ou a anulación de obras de abastecemento e rexeneración dos ríos en Ferrol, Padrón e Rodeiro (concellos gobernados por alcaldes socialistas).

Ademais Feijóo creou un conflito que nunca houbo en torno ao galego coa posta en marcha dunha enquisa absurda e innecesaria, que ten por obxecto que lle resolvan os cidadáns un problema que el creou e que el ten que resolver. En lugar de facer enquisas sobre o galego debería facelas sobre outras cuestións de interese, por exemplo preguntarlles aos pais que lles parece ter que pagar os libros de texto dos seus fillos.

A principal consecuencia deste desgoberno do PP é o incremento do paro en Galicia, que por primeira vez en catro anos se sitúa por riba da media estatal. Isto demostra que Feijóo en vez de traballar para solucionar o desemprego está centrado en paralizar o que fixo o anterior goberno e en castigar aos concellos que non están gobernados polo PP, o que o leva a non ocuparse do que realmente importa aos galegos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.