31/05/11

Rompe co tabaco



Máis dun millón de mozos entre 16 e 24 anos fuma a diario segundo se desprende da Enquisa de Saúde en España do ano 2009. Segundo os expertos, un de cada tres consumidores de tabaco adolescentes desenvolverá unha dependencia clinicamente relevante ata a idade de 35 anos, o que significa aumentar o risco de desenvolver enfermidades relacionadas co consumo de tabaco na idade adulta.

Á vista destes datos, e para previr o tabaquismo e as súas consecuencias nos máis novos, a Asociación Española Contra o Cancro (aecc) lanzou unha campaña de concienciación que leva por título "Rompe co tabaco”. E hoxe, 31 de maio, coincidindo coa celebración do Día Mundial Sen Tabaco, quero compartir no meu blog este interesante vídeo que foi realizado para esta campaña.

Esta campaña, cuxo obxectivo é que os mozos deixen de fumar, contou coa participación de artistas e deportistas como Alejandro Sanz, Ricky Rubio, Jesús Olmedo, Dafne Fernández ou Diego Forlan, e coa colaboración de entidades xuvenís como o Instituto da Xuventude (INJUVE), o Consello da Xuventude de España (CJE) e a Rede de Universidades Saudables.

Os mozos e mozas, por riba de todo, queremos sentirnos libres, non obstante algúns deixan que o tabaco controle as súas vidas. Para deixar de fumar, é necesario que vexan o tabaco como unha atadura fronte á que deben rebelarse, de aí que o lema da campaña sexa: "Rompe co tabaco".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.