24/10/11

VI Feira do Outono en Coeses


O día 30 de outubro no Campo da Festa de Sta. María Magdalena de Coeses, a partir das 9:30 da mañá, terá lugar a VI Feira do Outono, con venta e exposición de todo tipo de mercadorías, desde productos da terra a artesanía en madeira ou ferro. Todo elo en compaña dunha pulpería. Haberá unha carpa e tamén sortearase “in situ” unha cesta anticrisis.

Esta feira está organizada pola Asociación Cultural, Xuvenil e Veciñal "O Castro" de Coeses, que conta coa colaboración de Moega (Sociedade Cooperativa Galega), do Concello de Lugo e de AgrupaLugo (Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo).

O municipio de Lugo, polo especial da súa xeografía, da súa historia e dos costumes das súas xentes, desenvolveu unha serie de produtos e servizos propios e moi coñecidos, baseados na cultura e os froitos da terra. Contamos con calidade, variedade, singularidade e marca nos nosos produtos e servizos, que destacan en sectores como son a alimentación, a artesanía, a moda, o ocio, etc. O que nos permite ver que a riqueza de Lugo é incalculable.

Co obxectivo de dar a coñecer os produtos lucenses e promocionar o seu consumo dentro e fóra do municipio de Lugo, realízase a Feira de Outono en Coeses, para potenciar a economía lucense e especialmente para dinamizar a zona rural, promocionando os seus produtos e servizos.

Como Presidente de AgrupaLugo podo indicar que para a entidade que represento trátase dunha importante iniciativa para o desenvolvemento económico do rural e dende AgrupaLugo queremos apoiar firmemente iniciativas deste tipo, que son froito dun proxecto dunha asociación que forma parte da nosa Agrupación. Dende AgrupaLugo queremos felicitar ás compañeiras e compañeiros que traballan para que esta feira se poida levar a cabo, porque para a nosa Agrupación iniciativas como esta son unha boa mostra do traballo que estamos a realizar polo desenvolvemento da zona rural.

Anímovos a que vos pasedes por Coeses, para celebrar un día de Feira. Seredes todos ben recibidos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.