15/02/09

Ataque do BNG á participación cidadá

A continuación póñovos a nota informativa que lles mandei onte aos medios de comunicación, na que falo da actitude tomada polo BNG de Lugo no referente á participación cidadá:

Rexeitamos a actitude do BNG que decide obviar o consenso dos veciños na Comisión de elaboración do regulamento de Participación Cidadá

As Asociacións no federadas que formamos parte da Comisión encargada da elaboración do novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Lugo: -A.V.C.D de San Xoán de Tirimol, AVV "O Grelo" de San Xulián de Rubiás, AVV "San Lázaro", AVV de San Xoán do Campo, A.C.X.V. "O Castro" de Coeses, AVV "San Froilán", AVV Castelo-Rato, AVV "Río Miño" de Santiago de Meilán, AVV "Silvades" de Ribas de Miño, AVV "Ponte da Chanca" do barrio da Estación, AVV "As Fontenlas"- amosamos o noso rexeitamento á actitude do BNG que decidiu intentar sacar adiante o Regulamento de Participación Cidadá sen contar co máximo consenso como estivemos a facer ata agora. Trátase dun Regulamento de Participación Cidadá onde o Bloque Nacionalista Galego obviou a participación cidadá que é a que facemos nós como representantes dos veciños. Ademais denunciamos que estas asociacións tivemos coñecemento do Regulamento que trataban de aprobar dende o BNG unilateralmente cando xa estaba presentado, pois nunca se nos facilitou unha copia do mesmo.

A última reunión da Comisión encargada da elaboración do novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Lugo celebrouse o 12 de febreiro. Nesta reunión a Concelleira Delegada da Área de Servizos Xerais, que preside esta Comisión, informounos aos membros da mesma de que o Grupo Municipal do BNG de Lugo presentara no Rexistro Municipal do Concello de Lugo unha proposta normativa dun Regulamento de Participación Cidadá. Polo que xa non poderíamos continuar co traballo que estabamos a realizar dende a Comisión para conseguir un novo regulamento. Ademais como representante destas asociacións non federadas tiven coñecemento do contido do documento presentado polo BNG o mesmo día da xuntanza da comisión, cando o representante deste grupo político me facilitou unha copia do mesmo, polo que non puidemos nin tan sequera opinar sobre o seu contido.

Ante isto as asociacións non federadas que represento queremos manifestar o noso malestar porque un partido político queira realizar as funcións que teríamos que facer na citada Comisión. Especialmente tendo en conta os avances que demos tódolos membros da mesma e que foron froito do debate das propostas formuladas polos seus membros e do consenso ao que se chegou entre tódalas partes. E pola miña parte fixen chegar aos demais membros da Comisión as propostas das asociacións que represento, que decidimos xuntos en anteriores reunións.

Polo que dende as asociacións que represento pedimos que se continúe coa redacción deste documento de tanta importancia dende a Comisión encargada desa tarefa, na que están representados todos os grupos políticos municipais e as asociacións de veciños, como representantes lexítimos da cidadanía. E que ningunha das partes decida por si soa e nos impoña o contido dun documento tan importante para a participación dos cidadáns de Lugo, algo que esta moi lonxe dos obxectivos que debería perseguir a participación cidadá, que é o tema que curiosamente se estaba a tratar nesta Comisión.

Diego Pena Luaces, representante das Asociacións non Federadas na Comisión encargada da elaboración do novo Regulamento de Participación Cidadá

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.