28/06/13

Outro ataque á Sanidade Pública



A Xunta impuxo primeiro o repago farmacéutico, obrigando a 120.000 lucenses a pagar, por primeira vez na historia, as súas menciñas, coa única finalidade de ingresar nas arcas do Goberno galego ata 7 millóns de euros, procedentes das pensións máis baixas no país: as dos veciños de Lugo. Agora, Feijóo decidiu que máis de 40.000 galegos que necesiten dende próteses, oculares ou audiófonos para o benestar e calidade das súas vidas teñan que pagar, tamén por primeira vez, e por adiantado, o 100% do custe destes dispositivos, superando nalgúns casos os 4.000 euros. Deste xeito, os gobernos do PP están a poñer fin á Sanidade Pública e ao Estado do Benestar.

Ningún colectivo estará exento deste anticipo económico, de tal xeito que, as persoas menores de 30 anos con próteses amputadas, oculares ou audiófonos, deberán de pagar por primeira vez estes dispositivos. Ademais, nos casos nos que unha vez finalizada a necesidade, como pode ser o uso dunha cadeira de rodas, estes elementos tampouco serán devoltos para que poidan ser usadas por outros doentes afectados, tal e como se contemplaba no anterior convenio, mediante un sistema de préstamo mediado pola administración sanitaria autonómica.

Deste xeito, coa entrada en vigor do novo modelo de prestación ortoprotésica, dende o día 15 deste mes, a Xunta de Galicia xa non devolve o prezo do material subvencionado ao conxunto dos establecementos, senón que o fará de xeito individualizado con cada un destes elementos prescritos. Para elo, todos os usuarios, primeiro deberán de abonar o anticipo para logo poder solicitar ao departamento autonómico a devolución da contía subvencionada. Tal é así que, na orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), non figura nin cómo nin cándo se lles vai devolver o diñeiro aos usuarios. O SERGAS, eludindo así a súa responsabilidade, non aclara esta cuestión en ningún punto, e alega para elo, simplemente, que a implantación do novo sistema permitirá adaptar o catálogo de produtos galego ao estatal. Con todo, os expertos recoñecen que o prazo da devolución será elevado, pois en ningún caso será inferior ós cinco meses.

Debido á escasa información e precisión do Goberno Galego neste asunto, e tendo en conta que a norma remata de cheo coa prestación ortoprotésica, a nova medida xa suscitou o rexeitamento de diversos colectivos profesionais. É o caso da Asociación de Técnicos Ortopédicos de Galicia (ATOG), quen vén de denunciar publicamente que, ademais das citadas restricións inxustificadas, existen outras cuestións que se modifican e que repercutirán na economía dos usuarios, pois o custe destas prestacións pode superar nalgúns casos os 4.000 euros; un gasto demasiado elevado ó que moitas familias non poderán facer fronte hoxe en día.

Garantir a sostibilidade financieira do sistema sanitario público é un dos retos máis importantes que debe afrontar o noso país. Por tanto, permitir que o sistema sanitario se deteriore é a peor das políticas que pode levar a cabo un goberno, xa que supón poñer en risco a viabilidade do que é o principal instrumento de equidade e de redistribución da riqueza. Evitar a descapitalización do sistema sanitario público é un imperativo que se debe afrontar con urxencia, pero nunca se debe facer a costa de aplicar estas medidas que o degraden, como o copago farmacéutico, e que teñen un efecto negativo para a economía e a saúde dos cidadáns.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.