14/09/09

O Plan E

O Plan Español para el Estímulo de la Economía y el Empleo ou Plan E, no que se refire ao fomento do emprego, introduce medidas directas de impulso á creación de emprego, entre as que cómpre salientar o Fondo para Entidades Locais. No caso concreto do concello de Lugo, as obras financiadas polo FEIL supuxeron un investimento no municipio de máis de 16 millóns de euros, que posibilitaron levar a cabo 79 obras. Unhas obras que están a cumprir os obxectivos fixados: facer obras, contratar dotacións e crear emprego.

Trátase dunhas actuacións que permitiron a creación de 974 postos de traballo. As obras do Plan E promovidas polo concello de Lugo foron repartidas entre as parroquias rurais e os barrios da cidade, para que todos os veciños puidesen verse beneficiados. Neste sentido, na zona rural estanse a realizar actuacións en 42 pistas que permitirán que 54 parroquias teñan aglomerado en quente, o que vén a significar progreso, modernización e facer que os veciños do rural vivamos nas mellores condicións.

Deste xeito, por primeira vez o concello de Lugo emprega o aglomerado en quente para mellorar o firme de pistas principais, ou failles bases para suxeitar os contedores nas parroquias rurais. O que é resultado do compromiso do goberno local de mellorar o rural. Un traballo que é valorado moi positivamente polos veciños que vivimos nas parroquias, que estamos preocupados porque a zona rural mellore e que queremos que se siga por este camiño.

Fonte: Carta ao Director de Diego Pena Luaces, publicada no xornal El Progreso, 13 de setembro do 2009, páx. 32.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.