17/05/10

O Día de Internet no rural

Un dos compromisos do Alcalde de Lugo e do seu Equipo de Goberno é o de buscar a igualdade entre os veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivamos. Por iso este ano o Concello de Lugo celebrará o Día Mundial de Internet na zona rural e poñerase en funcionamento a Rede de Telecentros Rurais, que será unha realidade grazas ao proxecto de extensión da Banda Larga mediante tecnoloxías WIMAX/WIFI en zonas rurais do municipio de Lugo, que permitirá que as antigas escolas rurais dispoñan de conexión a Internet.

Porque debido ás dificultades que temos moitas veces os veciños e veciñas que vivimos no rural para poder acceder a algúns servizos, como é o acceso a Internet e en vista de que as compañías privadas de telecomunicacións non acaban de dar unha solución, dende o Concello de Lugo búscanse solucións que permitan reducir as diferenzas que poidan existir entre vivir nun lugar ou vivir noutro, para reducir esta "fenda dixital" e dar a posibilidade de conectarse a Internet e de poder acceder a gran cantidade de información e servizos que ofrece.

Por iso este ano dende o Concello de Lugo convidámoste á celebración do Día Mundial de Internet mañá, martes 18 de maio, no Telecentro Rural de Coeses, que está situado na Antiga Escola desta parroquia, onde teremos moitas actividades lúdicas preparadas para ti.

Pola mañá inaugurarase ás 11:15 a Rede de Telecentros Rurais do Concello de Lugo. Despois dende o Telecentro de Coeses o Alcalde saudará mediante unha videoconferencia aos veciños e veciñas que estarán nos Telecentros de Calde, San Xoán do Campo e Santa María de Bóveda.

Tamén se poderán ver as obras que participaron no certame de pintura en rede Pinta con nós, que estarán expostas e se visualizarán tamén nunha pantalla. A continuación fallarase o premio á mellor pintura en rede e o nome da gañadora ou do gañador desvelarase pola tarde ás 18:00 horas, e entregaráselle un Notebook (ordenador portátil).

E como hoxe é o 17 de maio, ademáis de ser o Día Mundial de Internet, tamén é o Día das Letras Galegas, así que aproveito para desexarvos dende o meu blog un Feliz Día das Letras Galegas e de Internet a todos e todas!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.