20/05/13

Congreso #INLUGO


A Deputación de Lugo presentou o I Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais InLugo, un encontro que reunirá a elite de Internet na capital lucense os días 7 e 8 de xuño, situando á provincia luguesa á vangarda en materia de coñecemento e formación no ámbito dixital. Máis de 30 recoñecidos profesionais en España, de sectores como o xornalismo, turismo, tecnoloxía, emprego, marketing online ou acción social, cuxos blogs e redes sociais contan con miles de seguidores, compartirán nesta cita o seu coñecemento a través de varias ponencias e debates, nos que abordarán os cambios nos hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade.

Tamén haberá espazo para a innovación e o emprendemento, coa presentación de proxectos nos que se empregan as redes sociais como medio de expresión e negocio, ou cunha mesa redonda na que se abordará como a Rede pode impulsar empresas ou produtos. Como colofón, este pioneiro encontro acollerá a entrega dos Premios INLUGO, cos que a Deputación recoñecerá o labor que están a realizar empresas lucenses no ámbito dixital.

Xa se adiantou o nome dalgúns dos expertos nacionais que se darán cita en Lugo o 7 e 8 de xuño. Entre eles atópanse: Mario Tascón, especialista en medios dixitais e redes sociais, así como ex director de elmundo.es e elpais.com; Sebastián Muriel, responsable de expansión internacional de Tuenti e ex director de Red.es (organismo estatal encargado do fomento de Internet e novas tecnoloxías); Óscar Reboiras, licenciado en periodismo e responsable do departamento de comunicación do operador galego de telecomunicacións R; Francisco Polo, un dos puntais do activismo na Rede, fundador de Actuable e director de comunicación de Change.org; Javier Pedreira (más coñecido como Wicho) fundador e autor de Microsiervos, o blog español máis popular da historia, ou Alfonso Alcántara (Yoriento), especialista en persoal branding, motivación e emprego 2.0.

Trátase dun encontro totalmente gratuito e para todos os públicos, cun primeiro aforo limitado de 160 persoas, que é a capacidade do Salón de Actos do Pazo Provincial, e un segundo aforo doutras tantas que o seguirá en directo dende o Salón de Pleno da Deputación. Por este motivo, é necesario a previa inscrición neste congreso. Para a participación, respectarase rigorosamente a orde de entrada das inscricións. Ademais, todos os interesados poderán seguir as actividades deste pioneiro Congreso a través de Internet grazas á colaboración dos profesionais da Fundación TIC, que se encargarán da súa emisión en streaming.

As persoas interesadas poderán formular a súa solicitude a partires deste martes, 21 de maio, na páxina web www.inlugo.com ou ben en www.deputacionlugo.org.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.