27/05/13

En defensa do IES As Mercedes


A Dirección Xeral de Formación Profesional, a través do Consello da Xunta de Galicia, acordou a través dun Decreto, de forma unilateral, a conversión do IES As Mercedes en Centro Integrado de Formación Profesional, sen contar, segundo todos os indicios, con ningún informe que avale tal acordo e sen sequera dar razóns e explicación algunha sobre o mesmo.

Con esta medida, a zona sur da cidade de Lugo queda sen un só Instituto de Ensino Secundario público no que se oferten ESO e máis os Bacharelatos de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais que, ata agora, se ofertaban no IES As Mercedes, para incrementar a masificación doutros centros da cidade.

Dende AgrupaLugo apostamos pola continuidade de ESO e Bacharelato neste centro e, por iso, decidimos formar parte da Plataforma Cidadá en defensa do IES As Mercedes, na que estamos presentes todas as federacións veciñais de Lugo, a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Lugo e todas as ANPAs dos centros afectados.

Para esta Plataforma Cidadá a reivindicación da continuidade do IES As Mercedes é unha demanda imprescindible para esta zona sur da cidade de Lugo. E temos a seguridade que, se agora o cerran, non tardarán en ter que volver abrir. O compromiso desta plataforma veciñal é que non desistiremos, dende logo, ata que se produza a revogación ou conxelación de dito acordo e que se sigan mantendo no IES As Mercedes as ensinanzas de ESO e os bacharelatos ata agora ofertados.

O IES As Mercedes é un modelo de convivencia e integración de alumnos que estudan FP, ESO e BAC. O cambio que quere facer á Xunta de Galicia neste centro público prexudica ao conxunto da cidade e do ensino. Por iso, recoméndovos que participedes na manifestación en defensa do IES As Mercedes o próximo xoves 30 de maio ás 19:30 horas diante deste instituto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.