13/05/13

Tapóns solidarios


A iniciativa solidaria "Os Tapóns dan vida e coidan o medio ambiente" é posible grazas á colaboración da Fundación Puro Cora, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, o Colexio de Farmacéuticos de Lugo, a Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo, Aspnais e as empresas Allplas, Prelo, Envialia e Contemar. Trátase dun banco de recollida de tapóns de plástico en toda a provincia, para recadar fondos co obxectivo de axudar a nenos e mozos con enfermidades graves e dependentes, ao tempo que favorece o coidado do medio ambiente coa reciclaxe destes materiais.



Como podedes ver neste vídeo, dende o primeiro momento esta iniciativa tivo unha gran acollida entre a sociedade lucense, pois en tan só uns días xa se sumaron á acción máis de 2.100 persoas no grupo da rede social Facebook e xa se levan recollidos máis de 21.000 quilogramos de tapóns de plástico. A primeira beneficiaria foi Uxía, unha nena que naceu sen unha man e cuxa nai recibiu un talón por valor de 2.600 euros correspondentes á unha primeira entrega de 10 toneladas de tapóns.

O convenio de colaboración que materializou o banco de tapóns asinouse o pasado mes de decembro nas instalacións do xornal El Progreso. Segundo recolle o propio convenio, a iniciativa está destinada a axudar a lucenses de entre 0 e 25 anos de idade, enfermos graves; con necesidade de asistencia mecánica para a súa mobilidade (cadeiras de rodas, prósteses...), ou cirurxías de implantes, ou ben, calquera outra que determine o Consello de Expertos nomeado para valorar os expedientes que se reciban. Este consello, acordado por todas as organizacións implicadas no proxecto, é un comité profesional formado por unha médica, unha psicóloga, unha farmacéutica e unha traballadora social, que se ocupará de analizar os expedientes médicos que se reciban e valorar a prioridade dos mesmos para destinar os fondos recadados coa recollida e venda dos tapóns de plástico.

Así que anímovos a participar nesta interesante iniciativa solidaria. Na prensa saen actualizados os puntos de recollida oficiais, onde poderedes depositar os tapóns. As empresas ou colectivos que se queiran sumar ao Banco de tapóns de Lugo, deben enviar un correo a recogidatapones@elprogreso.es. Se precisades máis información desta iniciativa podedes consultar o seguinte grupo en Facebook: https://www.facebook.com/groups/Bancodetaponesdelugo.

1 comentario:

  1. Grazas por mencionarnos nun post,espero que sirva pra que chegue tamén ás persoas que saben de nenos con problemas pero que a sua familia non accede ás redes sociais,poidan comentalo e botar unha man pra que nós podamos axudar,un saúdo Diego e repito,GRAZAS!!!

    ResponderEliminar

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.