06/05/13

Ferramenta para xerar felicidade



Como podedes ver neste vídeo, as Nacións Unidas din que a mellor ferramenta para xerar felicidade na nosa sociedade é a Educación Pública. Eu estou totalmente de acordo con esa afirmación, porque síntome orgulloso de poder dicir que sempre estudei na Educación Pública, o que me deu a posibilidade de realizar os meus estudos. E como digo sempre, eu se teño fillos gustaríame que poidan estudar na Educación Pública.

Por iso, considero que é necesario denunciar os ataques que está a sufrir a Educación Pública por parte dos distintos gobernos do PP, para que a cidadanía se dea conta de que o que nos estamos xogando vai máis aló da economía, xa que o que realmente supoñen estes recortes é a redución de calidade no ensino público, ao ter menos profesores, e o incremento do fracaso escolar que leva aparellado.

Desde que o PP puxo de Ministro a Wert recortou 5.212 millóns de euros en Educación, situándonos á cola da OCDE e da Unión Europea. Porque despediu a miles de profesores e profesoras e masificou as aulas. Subiu brutalmente as taxas universitarias e recortou as bolsas e axudas ao estudo. Está a desmontar a Educación Pública e eliminando a igualdade de oportunidades no acceso ao dereito á educación. Quere implantar unha reforma á marxe da comunidade educativa. Unha contrarreforma regresiva, clasista, excluínte, privatizadora, antidemocrática e segregadora, que converte a educación nunha carreira de obstáculos e atenta contra o dereito a unha educación de calidade en condicións de igualdade. Os recortes e a contrarreforma educativa aproveitan a escusa da crise para implantar un modelo ideolóxico que supón unha volta ao sistema de ensino franquista e que aposta pola escola privada e concertada en detrimento de a pública.

Por todos estes motivos o próximo xoves 9 de maio haberá unha Folga Xeral no Ensino de estudantes, profesores, nais e pais contra a LOMCE. A Plataforma en Defensa do Ensino Público na que se integran IESGAFETE-UGT, convoca manifestacións ás 19:30 horas nas catro provincias galegas con motivo desta Xornada de Folga que esta plataforma ven de convocar.

Tamén quero aproveitar este post para mostrar todo o meu apoio coa comunidade escolar do IES As Mercedes en Lugo e anímovos a asinar a petición solicitándolle á Xunta de Galicia a derrogación da medida que suprime ESO e BAC neste instituto, porque este centro público é un modelo de convivencia e integración de alumnos que estudan FP, ESO e BAC. Este cambio que quere levar a cabo a Consellería de Educación no IES As Mercedes prexudica ao conxunto da cidade e do ensino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.